miércoles, 20 de junio de 2012

 

 
O Coñecemento
Le o seguinte texto do tema de filosofía e olla o mapa conceptual. Tenta entendelo e completalo. Fai un ti completando cada mapa e insíreo nunha entrada do teu blog. Tenta completarlle tamén as definicións que creas axeitadas usando as anotacións. Ademais de completalo cos conceptos que faltan nas caixas, podes engadir conceptos novos modificando o mapa. Serías capaz de facelo?

Con este texto realizouse o seguinte mapa conceptual dividido en dous. Por qué está dividido? Cando facemos un mapa conceptual e vemos que vai quedar demasiado grande e unha parte ten entidade suficiente para ser explicada a parte, decidimos dividila facéndolle un mapa de seu. Así, premendo na frecha que hai en “linguaxe” imos ao segundo mapa.

O proceso que executamos no momento da percepción denomínase intuición. A intuición é a operación do coñecemento que permite a captación inmediata de algo. Non é un proceso mediado pola reflexión, e por iso nel non podemos distinguir fases. Mais si podemos distinguir dous tipos de intuición dependendo de como se nos dean os datos que van ser captados.

a) Os datos danse simultaneamente ao proceso de captación polos sentidos e proveñen do mundo exterior ao suxeito, isto é, dun obxecto “transcendente”. O resultado deste proceso é a percepción.
b) Os datos sensibles extráense de experiencias previas, é dicir, son inmanentes ao propio suxeito, ou son recreados polo propio suxeito. Os primeiros proveñen da memoria lembrando experiencias previas e os segundos da imaxinación.
Ademais dos esquemas que subministra a experiencia individual, o ser humano posúe, pola súa característica de ser cultural, uns coñecementos compartidos co resto dos seres humanos e que se transmiten na aprendizaxe por medio da linguaxe.

Preme na imaxe para ver o mapa.

l
O coñecemento non remata coa percepción, nin tan sequera no recordo ou imaxinación. En realidade, non dicimos que coñecemos o que é un obxecto só porque viramos un, senón que queremos dicir que podemos identificar outros obxectos semellantes a el como pertencentes á mesma clase. O coñecemento, neste último sentido, precisa de algo máis ca unha simple percepción, precisa unha síntese de percepcións distintas baixo un denominador común, que é o concepto. Este vén sendo, xa que logo, o conxunto de trazos característicos cos que asimilo as percepcións particulares. Estes conceptos que se forman a través da síntese da miña experiencia son usados pola razón para codificar para min o mundo, e cada nova experiencia tratará de axustarse a eles. Os conceptos ordénanse na nosa mente dun modo xerárquico, formando un sistema de relacións mutuas de tal xeito que a memoria pode recuperar parte do noso coñecemento no momento preciso. Os coñecementos que non se atopan “ben ordeados” son facilmente esquecibles ou recuperables unicamente de xeito casual e non producen coñecemento verdadeiramente operativo. Unha parte da información obtémola por inspección observacional a través dos sentidos, a este tipo de coñecemento chamámoslle coñecemento directo. Grazas a que somos capaces de organizar a información en conceptos e proposicións, mediante a linguaxe podemos pensar, imaxinar e describir modelos posibles sobre a realidade. Así grazas ao razoamento inferencial podemos construír nova información sobre o mundo. A este tipo de coñecemento chamámoslle indirecto ou inferencial.

A linguaxe é un vehículo de comunicación, pero tamén é un instrumento que nos axuda a pensar. A nosa linguaxe é un produto da nosa cultura e, por iso mesmo, transmite tamén toda a visión do mundo que a nosa cultura ten: as aprendizaxes feitas por todos os membros da sociedade (actuais e pasados), as crenzas que temos sobre o mundo e a organización que precisamos facer das cousas para realizarmos os traballos que nos impón a adaptación ao contorno. Por todo iso podemos dicir que a nosa linguaxe nos fai ver o noso mundo de xeito particular. Cada cultura é unha fiestra aberta ao sentido do mundo. Cómpre entender que a linguaxe, vehículo fundamental da cultura e do pensamento, transmite ese sentido do mundo, por iso podemos dicir que cantas máis variedades teñamos dela (linguas), tanto máis rico será o noso particular “mundo”.
A linguaxe obxectiva, o coñecemento perceptivo-conceptual, permítenos representar as cousas por medio dun signo; por iso dicimos que é o vehículo do coñecemento abstracto.
Chamamos linguaxes naturais á que foron construídas (e aprendidas) ao mesmo tempo que captamos o sentido da realidade e que, por iso, están máis próximas á nosa percepción da realidade. Estas linguaxes son, polo tanto, máis aptas para falar e comunicar o sentido do mundo e veñen sendo aquelas (galego, francés, inglés…) coas que ordinariamente os membros dunha comunidade entenden e falan do mundo. Estas linguaxes, nas que desempeña un papel relevante o significado das palabras (o léxico), teñen unha referencia máis directa e inmediata á realidade. Pero hai outras linguaxes (como a lóxica, a matemática ou linguaxes de programación informática) que, facendo abstracción dos contidos (do que se di), centran a súa atención na estrutura (na forma en que se di) para evitar as imprecisións e ambigüidades das linguaxes naturais. Úsanse fundamentalmente para garantir a precisión do coñecemento ou para a comunicación científica.
O substantivo coñecemento úsase tanto aplicado a aquelas cousas que sabemos como a aquelas das que temos un coñecemento inmediato (a través dos sentidos). Sen embargo, saber e coñecer aluden a actividades totalmente distintas. Coñecemos cousas e obxectos pero sabemos como son esas cousas e obxectos. O coñecer é unha relación directa co mundo, que conforma a nosa experiencia. O saber é trasmisible porque é expresable mediante conceptos e conforma a nosa razón. O proceso polo que completamos os resultados das nosas observacións para explicalas é a inferencia. Unha inferencia é un proceso mental polo que poñemos en relación varios coñecementos para extraer un coñecemento novo. Cando a nosa inferencia ou explicación dos datos empíricos non se limita a un obxecto ou fenómeno particular que estea presente ou tivesemos presente no pasado, entón dicimos que estamos facendo unha inducción. Inducir é facer extensible, por xeneralización, a todos os fenómenos da mesma clase unha determinada característica. Cando a nosa inferencia parte de verdades evidentes para chegar a verdades que se deriven delas dun xeito necesario, estamos facendo unha deducción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario